Un día de sol radiante, un dos mellores de todo o verán, permitiu que a Festa do Requeixo de A Capela se celebrara con gran éxito este 30 de agosto. Unha estupenda maneira de despedir as vacacións para todos os que ao día seguinte volvían ao traballo.
Este ano a festa acadaba a súa edición número 21, que a converte na festa do requeixo máis antiga de Galicia.
Máis de 2.500 quilos de requeixo da Cooperativa Campo Capela se venderon no transcurso do día, a un prezo de 1,50 euros a tarrina de 250 gramos, e co agasallo dunha mostra de mel da zona para aqueles que prefiren o requeixo con mel.
A música non faltou en todo o día, con actuacións de Leilía e banda, o trío Vaamonde, Lamas e Romero, a Xove Banda de Gaitas de Narón e a Banda de Gaitas Basilio Carril. As Cantareiras de Ardebullo puxeron o humor.
Este ano o pregón correu por conta do xornalista e escritor gastronómico Miguel Vila.