Blog de Cooperativa da Capela

9 Octubre 2009

SALMÓN MARINADO CON REQUEIXO DA CAPELA E ENCURTIDOS

Archivado en: Receitas — Etiquetas:, , , , , — miguel @ 17:11

Autora: Beatriz Sotelo. Gañadora do concurso “Cocinero del Año” celebrado en Alimentaria 2008 (Barcelona). Restaurante A Estación (Cambre).

Ingredientes:

Requeixo de A Capela
2 quilos de salmón fresco
500 gramos de azucre moreno
500 gramos de sal gordo
15 gramos de eneldo
1 bote de encurtidos en vinagre (alcaparróns, allo, pepinillo, ceboliñas)
Xerminados frescos

Elaboración do salmón marinado:

Desespiñar o salmón limpándolle ben a graxa.

Unha vez limpo pesar o salmón. Por cada dous quilos de peixe mesturar 500 gramos de azucre moreno, 500 gramos de sal e 15 gramos de eneldo.

Cubrir o salmón con esta mestura e colocalo coa pel cara arriba, cuberto con film plástico. Meter 24 horas na neveira, despois darlle a volta ao salmón e deixar no frío outras 24 horas.

Unha vez pasados os dous días lávase o salmón en abundante auga e somerxese en aceite de xirasol, quedando listo para o consumo.

Elaboración da crema de encurtidos:

Cortar a metade dos encurtidos en paisana fina e a outra metade triturámolos ata que quede unha crema homoxénea.

Montaxe:

No fondo do prato ponse a crema de encurtidos. Córtanse uns tacos pequenos de salmón e sitúanse derriba, poñendo encima os encurtidos cortados en paisana e os xerminados frescos. Ao pe do salmón ponse unha cullerada de requeixo e remátase poñendo sobre o salmón un pouco de aceite de oliva e sal maldon.

Esta receita foi servida por Beatriz Sotelo na comida ofrecida aos participantes en Madrid Fusión 2009

1 Septiembre 2009

PREGÓN DA FESTA DO REQUEIXO DA CAPELA 2009

Archivado en: Actualidade — Etiquetas:, , , , , , — miguel @ 18:11

A Capela, 30 de agosto de 2009

“Eu veño de aquí detrás. Pegan vostedes un chimpo, pasan por derriba do Forgoselo, sobre as minas das Pontes, o Xistral e o Cadramón e xa están no Valadouro, onde de neno moitas veces axudei a miña mai a colgar o saqueto do leite callado que ao día seguinte se convertería nun delicioso requeixo. Son pouco máis de 40 quilómetros en liña recta, inda que por estrada se multipliquen e precisemos preto de dúas horas para chegar alí.

O requeixo segue a ser un dos grandes postres do país. Son palabras de Alvaro Cunqueiro e coas que comeza o apartado dedicado a este produto no seu libro A Cociña Galega, escrito hai máis de 30 anos, e no que Cunqueiro, como moitos veciños da Capela, fala de requesón e non requeixo. (más…)

31 Agosto 2009

Sol radiante para a Festa do Requeixo

Archivado en: Actualidade — Etiquetas:, , , , , — miguel @ 18:03

Un día de sol radiante, un dos mellores de todo o verán, permitiu que a Festa do Requeixo de A Capela se celebrara con gran éxito este 30 de agosto. Unha estupenda maneira de despedir as vacacións para todos os que ao día seguinte volvían ao traballo.

Este ano a festa acadaba a súa edición número 21, que a converte na festa do requeixo máis antiga de Galicia.

Máis de 2.500 quilos de requeixo da Cooperativa Campo Capela se venderon no transcurso do día, a un prezo de 1,50 euros a tarrina de 250 gramos, e co agasallo dunha mostra de mel da zona para aqueles que prefiren o requeixo con mel.

A música non faltou en todo o día, con actuacións de Leilía e banda, o trío Vaamonde, Lamas e Romero, a Xove Banda de Gaitas de Narón e a Banda de Gaitas Basilio Carril. As Cantareiras de Ardebullo puxeron o humor.

Este ano o pregón correu por conta do xornalista e escritor gastronómico Miguel Vila.

8 Junio 2009

O Presidente da Deputación da Coruña participou na presentación de “Receitas con requeixo”

Archivado en: Actualidade — Etiquetas:, , , , , , , , — miguel @ 17:48

A presentación do libro “Receitas con requeixo” realizouse hoxe nas instalacións da Cooperativa Campo Capela, con presenza de numerosos socios e autores de receitas. Para o acto contamos coa asistencia do Presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda, que se declarou partidario do requeixo de A Capela sen máis engadido que un pouco de azucre.

Na presentación tamén participaron o Alcalde de A Capela, Ángel López Sueiro, a Presidenta da Cooperativa, Manuela Permuy, e o coordinador do libro, o xornalista e escritor gastronómico Miguel Vila.

Tódolos autores de receitas participantes no libro recibiron un diploma acreditativo.

Ao remate do acto serviuse un viño acompañado de petiscos elaborados con produtos da Cooperativa.

Foto: www.dicoruna.es

« Entradas más recientes

Gestionado con WordPress