Un día de sol radiante, un dos mellores de todo o verán, permitiu que a Festa do Requeixo de A Capela se celebrara con gran éxito este 30 de agosto. Unha estupenda maneira de despedir as vacacións para todos os que ao día seguinte volvían ao traballo.
Este ano a festa acadaba a súa edición número 21, que a converte na festa do requeixo máis antiga de Galicia.
Máis de 2.500 quilos de requeixo da Cooperativa Campo Capela se venderon no transcurso do día, a un prezo de 1,50 euros a tarrina de 250 gramos, e co agasallo dunha mostra de mel da zona para aqueles que prefiren o requeixo con mel.
A música non faltou en todo o día, con actuacións de Leilía e banda, o trío Vaamonde, Lamas e Romero, a Xove Banda de Gaitas de Narón e a Banda de Gaitas Basilio Carril. As Cantareiras de Ardebullo puxeron o humor.
Este ano o pregón correu por conta do xornalista e escritor gastronómico Miguel Vila.
A presentación do libro “Receitas con requeixo” realizouse hoxe nas instalacións da Cooperativa Campo Capela, con presenza de numerosos socios e autores de receitas. Para o acto contamos coa asistencia do Presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda, que se declarou partidario do requeixo de A Capela sen máis engadido que un pouco de azucre.
Na presentación tamén participaron o Alcalde de A Capela, Ángel López Sueiro, a Presidenta da Cooperativa, Manuela Permuy, e o coordinador do libro, o xornalista e escritor gastronómico Miguel Vila.
Tódolos autores de receitas participantes no libro recibiron un diploma acreditativo.
Ao remate do acto serviuse un viño acompañado de petiscos elaborados con produtos da Cooperativa.
Foto: www.dicoruna.es
Dúas das principais webs gastronómicas do país, Galicia Gastronómica (do grupo do xornal lucense El Progreso) e Vigo Gastronómico, recollen hoxe ampla información sobre a presentación do libro “Receitas con requeixo” e a presentación que terá lugar hoxe na sede da Cooperativa.
“Receitas con requeixo“, o libro editado pola Cooperativa Campo Capela, recolle 32 receitas nas que o requeixo é un dos ingredientes fundamentais, ofrecendo unha ampla selección de receitas doces e salgadas, ademais do uso tradicional do mesmo.
No libro teñen cabida receitas de grandes chefs galegos, como Beatriz Sotelo, gañadora do concurso Cocinero del Año, celebrado en Barcelona en 2008, ou Pedro Roca, propietario e chef do restaurante que leva o seu mesmo nome, un dos de máis prestixio de Santiago de Compostela.
O libro inclúe tamén unha selección de receitas de tódolos restaurantes existentes no termo municipal de A Capela, incluídas as casas de turismo rural e a panadería, que tamén emprega o requeixo nas súas elaboracións.
Finalmente, “Receitas con requeixo” recolle un bo número de receitas de particulares, presentadas nas tres primeiras edicións do concurso de receitas con requeixo que cada ano ten lugar na Capela, e que este ano chegará á súa cuarta edición.
O blog Diario del Gourmet de Provincia y el Perro Gastronómo, gañador en 2008 do premio de xornalismo gastronómico Álvaro Cunqueiro na súa categoría, dedica hoxe un amplo post ao libro “Receitas con requeixo”.
Moi interesantes son so comentarios dos lectores, onde podemos descubrir que en Holanda teñen un produto semellante, o hangop, nome que se refire ao acto de colgar o leite callado para escorrelo